XOGAMOS?

Ao longo do primeiro trimestre o alumnado do Club de Ciencias tivo a oportunidade de participar, nos tempos de lecer, en partidas con xogos de cartas de diversa temática, entre eles a "Batalla dos minerais". O xogo conta con 36 cartas, das cales se reparten 5 a cada xogador e o resto quedan nun mazo boca abaixo. 

Regras do xogo:
Empeza o xogador máis novo e séguese a rolda pola súa esquerda, no sentido das agullas do reloxo. Cada carta representa un mineral, e cada un destes presenta 4 características: dureza, densidade, carácter incrible e temperatura de fusión. O xogador elixe a característica que pensa que ten un valor máis alto, por exemplo, diamante, dureza 10, e tira a carta á mesa. 

O resto dos xogadores, un a un, tiran tamén unha carta á mesa. Para non perder a súa carta, deben ter nela un valor máis alto nesa característica. O xogador que botou o valor máis alto nesa característica gaña a rolda e leva tódalas cartas, e as deixa nun montón boca abaixo diante del. Cada xogador colle unha nova carta do mazo para volver a ter 5 cartas na súa man. 

O gañador desa rolda será o que comece a seguinte, tirará a súa carta e despois seguiralle o xogador da súa esquerda. O que botou a carta máis alta de tódolos xogadores nesta nova rolda gaña. Séguese coas roldas. Cando xa non queden cartas no mazo, acabarase a partida coas cartas que cada xogador teña na man ata que estas se esgoten. O que teña máis cartas ao final da partida gaña o xogo. 

Unha regra adicional: 
As cartas ademais teñen catro cores na súa esquina superior esquerda: verde, amarela, laranxa e vermella, que representan a mineral común, pouco común, raro ou moi raro. Se o xogador ten unha carta de mineral raro ou moi raro, na súa quenda podería cambiar a característica que "triunfa" (cambiar de "pau") e gañaría a rolda o que tivese o mellor valor nesa nova característica. 

Polo tanto, pódese cambiar a característica unha vez na rolda se se xoga, por exemplo, unha carta laranxa. Pero se alguén vota despois algunha carta vermella, pode volver a cambiar a característica de novo unha vez máis. Se xa de primeiro se votou unha vermella, entón non se pode subir de "grao de rareza" e, polo tanto, xa non se podería volver a cambiar a característica nesa quenda.



Comentarios

Publicacións populares